jueves, 12 de junio de 2014

A XUNTA realizará mañá venres 13 de Xuño un exercicio de adestramento do Plan de Emerxencias exterior de Reganosa e Forestal.

O goberno municipal pon carteis polos bares pero non avisa ós concelleiros da Corporación...



Este é o terceiro simulacro dun plan de emerxencia por accidente nunha industria química, dende que en 2013 a Xunta apostara por esta importante liña de actuación

Durante o simulacro soarán as sereas que avisarían á poboación en caso de activación do Plan de Emerxencia Exterior


A Xunta de Galicia ten previsto realizar mañá venres 13 de xuño un novo exercicio de adestramento, que consiste 
nun simulacro de emerxencia nos establecementos 
implicados no Plan de Emerxencia Exterior (PEE) do Polígono Punta Promontorio (Mugardos), que inclúe ás empresas Reganosa e Forestal do Atlántico.



Esta actividade, que aparece recollida dentro do texto do PEE, consistirá nun exercicio onde se activa o Plan (coa participación dos diferentes grupos operativos, as empresas
e as administracións públicas implicadas) no caso dunha emerxencia. Así mesmo, farase soar as sereas, que no caso dunha activación real do Plan actuarían como elemento de aviso á poboación, que   como primeira medida tería que proceder o seu confinamento á espera de recibir instrucións por parte dos servizos de protección civil.

Ademais de mellorar a coordinación dos organismos participantes, un dos obxectivos prioritarios do exercicio é que a poboación da zona de Mugardos se familiarice cos sons das sereas e sexa capaz de identificalos no caso hipotético de activación do Plan de emerxencia exterior. Máis alá destes sinais acústicos e dunha maior presenza dos servizos de emerxencia e seguridade na zona de Punta Promontorio, a actividade dos veciños non se verá afectada en absoluto por este exercicio e poderán continuar coa súa rutina.

Aposta pola prevención

Dende a Xunta quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias, liña na que se enmarcan os Plans de emerxencia exterior elaborados polo Goberno galego. A realización dos simulacros permite a implantación efectiva dos Plans e a súa mellora, a través das leccións aprendidas no desenvolvemento dos mesmos.

Os PEE teñen como obxectivo determinar os posibles riscos das instalacións industriais e dispoñer da resposta adecuada para minimizar as consecuencias en caso de producirse un accidente que poda afectar ás persoas e ó medio ambiente. Neles, establécense medidas idóneas de protección a poboación, os recursos humanos e materiais necesarios para a súa aplicación e o esquema de coordinación das autoridades, organismos e servizos que podan intervir.