viernes, 25 de noviembre de 2011

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO


Aproveitamos a simboloxía internacional do 25 de novembro para deixar constancia do noso compromiso coa eliminación da violencia contra as mulleres e da nosa solidariedade coas vítimas desta infamia.

Condenamos taxativamente este grave problema que limita o avance polo camiño da democracia e consideramos que cada humillación e cada agresión perpetrada contra unha muller debe asumirse como un fracaso de toda a sociedade, posto que a violencia de xénero é un problema no que debemos implicarnos todos.

As persoas con responsabilidades políticas, os medios de comunicación, os axentes xurídicos e, en suma, toda a cidadanía, debemos traballar conxuntamente na protección dos máis febles e debemos ser actores dun proceso que debe continuar mentres que os balances de mulleres maltratadas ou asasinadas arroxen cifras distintas a cero.

Actuacións da Xunta con respecto á violencia de xénero
O Goberno galego mantén e incluso aumenta as contías orzamentarias destinadas á total recuperación das vítimas e dos seus fillos e fillas, aportando axudas económicas, atención xurídica e asesoramento psicolóxico gratuito.

Así, colabora con 5 concellos galegos para o mantemento das cinco casas de acollida para vítimas en Galicia, e con 78 concellos galegos para o funcionamento dos centros de información ás mulleres, onde poden recibir orientación e información sobre todo tipo de programas e axudas.

Do mesmo xeito, o Centro de Emerxencias para mulleres vítimas de violencia de xénero, ubicado en Vigo, e coordinado desde a Xunta de Galicia e o Concello, proporciona unha acollida inmediata ás mulleres que o precisan, xunto cos seus fillos e fillas. Esta rede de acollemento verase completada nos vindeiros meses coa apertura do Centro de Recuperación Integral para mulleres vítimas de violencia de xénero, en Santiago de Compostela.