viernes, 26 de noviembre de 2010

Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres


Declaración institucional da Xunta de Galicia na celebración do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres

Hoxe 25 de novembro conmemórase unha vez máis, en todo o mundo e baixo os auspicios da Nacións Unidas, o Día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres. Unha data que sirve para reafirmar o noso compromiso coas vítimas desta sinrazón que se vive na nosa sociedade e que causa un número de mortes intolerable nunha sociedade avanzada e democrática, e momento no que enviamos unha mensaxe de compromiso na consecución dunha sociedade na que non teña cabida a desigualdade entre mulleres e homes.

A través de diferentes actuacións, pretendemos a sensibilización e a concienciación de toda a sociedade, para que cada un no seu ámbito de actividade e no marco das súas responsabilidades, reflexione sobre a necesidade dun posicionamento claro e decidido en contra de calquera manifestación de violencia contra as mulleres, síntoma da desigualdade que pervive aínda en moitas esferas da vida.
A mensaxe enviada desde a Xunta de Galicia neste 25 de novembro incide na necesidade da denuncia dos feitos violentos, como a única maneira de previr con eficacia, de dar a coñecer a necesidade de apoio por parte da vítima e de castigar ao maltratador, pero preténdese tamén animar á eliminación da indiferencia ou da tolerancia cara a un fenómeno do que, pola súa incidencia e por darse en todos os ámbitos da sociedade, moitas veces sabemos máis do que queremos recoñecer. Debemos reprobar con toda contundencia as condutas violentas, apoiar ás vítimas e por o esforzo común na educación das xeracións máis novas, para que, a través da prevención e da formación, sexamos capaces de eliminar esta lacra intolerable.
A Xunta de Galicia quere reiterar o compromiso asumido de traballar intensa e conxuntamente na colaboración interinstitucional, na ampliación da protección das vítimas e na mellora da súa recuperación física, psicolóxica e social, así como na sensibilización de toda a sociedade, moi particularmente da xente máis nova. O goberno galego quere manifestar o seu apoio aos fillas e fillos das vítimas e ás súas familias, agradecer o traballo desenvolvido polas organizacións civís coas que colabora na tarefa da prevención, a sensibilización e a intervención nos casos de violencia de xénero que se dan, e animar a toda a cidadanía a facer da igualdade e do rexeitamento á violencia un dos piares do presente e do futuro de Galicia.