Medio Ambiente comunica á Fegamp que establecerá unha liña de axudas para subvencionar o sobrecuste dos residuos voluminosos


  • O departamento autonómico está a reaxustar os créditos para crear unha partida extraordinaria nos orzamentos do 2009

  • Estableceranse criterios obxectivos que permitan establecer unha liña permanente de axudas a todos os concellos para este tipo de gastos co obxectivo de garantir un axeitado tratamento dos refugallos

  • Estas subvencións, que estarán suxeitas ás posibilidades orzamentarias, estarán vinculadas tamén á adecuada xestión dos puntos limpos.

O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, comunicou esta mañá ao presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, que a Xunta de Galicia establecerá unha liña de axudas para subvencionar o sobrecuste que supón a xestión dos residuos voluminosos para os concellos, unha vez que Sogama deixou de recepcionalos para cumprir coa autorización ambiental tramitada polo anterior goberno da Xunta.

O departamento autonómico está a reaxustar os créditos para crear unha partida extraordinaria nos orzamentos do 2009 que permita mobilizar recursos que compensen dito sobrecuste. A pesares das dificultades que elo supón a estas alturas do ano dende o punto de vista da execución orzamentaria, Hernández sinalou que a Xunta está disposta a colaborar cos concellos para garantir un axeitado tratamento dos refugallos voluminosos.

Neste sentido, e de cara aos presupostos do 2010, indicou que se establecerán criterios obxectivos que permitan establecer unha liña permanente de axudas a todos os concellos para este tipo de gastos. Estas subvencións, que estarán suxeitas ás posibilidades orzamentarias, estarán vinculadas tamén á adecuada xestión dos puntos limpos.



Fonte: Xunta de Galicia