jueves, 20 de agosto de 2009

A Xunta fai efectiva a segunda ampliación de crédito para a contratación de parados que esgotaron as prestacións e subsidios por desemprego

O DOG publica hoxe a orde que establece a segunda partida orzamentaria deste plan, con 20,2 millóns de euros, que se inscribe dentro do Plan de choque para facer fronte á crise
Esta partida súmase aos 13,1 da primeira fase, posta en marcha a finais de xuño, e que na súa totalidade ascende a máis de 30 millóns de euros
Trátase dunha liña de crédito excepcional que o Goberno galego puxo en marcha para contratar a 4.000 persoas que esgotaran a prestación.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde da Consellería de Traballo e Benestar que establece a segunda partida para a contratación de desempregados que esgotaron as súas prestacións e subsidios por desemprego. Esta segunda fase ascende a 20,2 millóns, que se suman aos 13,1 que xa foron postos no mercado a finais do mes de xuño.
Esta partida inscríbese dentro do Plan de choque, deseñado pola Xunta, para facer fronte á crise. En concreto, o departamento autonómico tiña previsto destinar un total de 30 millóns para contratar a este colectivo, unha contía que agora se aumenta en 3 millóns de euros. En total, o Goberno galego prevé que deste proxecto se beneficien 4.000 persoas que esgotaran os subsidios nos sete primeiros meses do ano.
Así, a suma da primeira partida (13,1 millóns) e da segunda (20,2) supón un orzamento total de 33,3 millóns, isto é, un financiamento global superior en 3 millóns de euros ao previsto inicialmente. Esta cantidade adicional correspóndese cun investimento destinado a obradoiros de emprego.
Deste xeito, a Xunta de Galicia dá cobertura a aqueles parados que esgotaron a súa prestación desde o 1 de xaneiro deste ano, o que segundo a titular de Traballo, Beatriz Mato, supón unha “forte aposta” polas políticas activas de emprego.
As contratación dos desempregados realizarase en actividades vinculadas a novos xacementos de emprego que lles ofrezan maiores oportunidades de readaptación no ámbito laboral. En concreto, os contratos estarán dirixidos á prestación de servizos en materia medioambiental, social, cultural, de protección civil e de servizos administrativos de informática e novas tecnoloxías.
A duración dos contratos oscilarán entre os 6 e os 9 meses, de modo que facilitarán unha práctica profesional adecuada para a súa posterior reinserción laboral.
Trátase, pois, dun “gran esforzo”, xa que entre o plan de cooperación e esta partida extraordinaria estase a falar dun montante de máis de 65 millóns de euros, achegados por parte da Consellería de Traballo e Benestar para frear o paro e reincorporar no mercado laboral a quen máis o necesita.