A Xunta destina 1’5 millóns de euros á mellora das instalacións e equipamentos deportivos dos concellos galegos



A Secretaría Xeral para o Deporte subvencionará nun 100% o equipamento dos circuítos biosaudables ao aire libre destinados prioritariamente a persoas maiores.


Pistas multideportivas ao aire libre, circuítos biosaudables, rutas de sendeirismo, rutas para a carreira, circuítos urbanos de paseo e espazos para patinaxe, serán subvencionados nun 80%


O prazo de presentación das solicitudes rematará o 31 de agosto


A Xunta de Galicia publicou no DOG do día 31 de xullo a resolución pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións a concellos para a realización de obras de construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións e espazos deportivos e para a adquisición de equipamentos deportivos. Ademais de aprobar as bases, dita resolución convoca tamén as subvencións correspondentes ao ano 2009.

A contía total das subvencións para estas obras, que deben estar executadas antes do 1 de decembro do 2009 para poder solicitar o diñeiro, será de 1.590.000 euros. Deles, 1.190.000 serán destinados á construción, mellora, acondicionamento e reforma de instalacións e espazos deportivos. Os outros 400.000 euros serán dedicados á compra de equipamentos deportivos.
No tocante ao apartado de construción e reforma de instalacións, a convocatoria detalla que serán susceptibles de ser subvencionadas, ata un 80%: as pistas multideportivas ao aire libre, os circuítos biosaudables ao aire libre (obras necesarias para a instalación dos aparellos para a realización dos exercicios), os espazos para a práctica da patinaxe (patíns e skate) e as rutas de sendeirismo e ciclismo, rutas para a carreira e circuítos urbanos para camiñar (nestes tres últimos casos incluíndo a súa correcta sinalización).

A Secretaría Xeral para o Deporte subvencionará un 50% das instalacións para deportes tradicionais e as pistas de pádel. Outras instalacións ou espazos recibirán un 20% de subvención. O importe total dos investimentos a subvencionar será de, como máximo, 50.000 euros.
A Xunta priorizará, á hora de asignar as subvencións, aquelas solicitudes que veñan acompañadas dun programa de actividades detallado tanto nos seus obxectivos coma nos seus contidos e na súa temporalización. A inclusión no programa de actividades para poboación maior de 65 anos, para xoves (15 a 25) e para persoas con discapacidade, serán tamén factores de especial relevancia para a recepción da subvención.O goberno galego advirte tamén que non serán obxecto destas axudas as actuacións de mantemento ordinario nas instalacións e espazos deportivos dos concellos.

En canto aos equipamentos, a Xunta subvencionará a adquisición de equipamento deportivo (nun importe máximo de 10.000 euros) nun 100%, concretamente os conxuntos de ata oito aparellos para a realización de exercicios nos circuítos biosaudables, que sexan prioritariamente destinados ás persoas de máis de 65 anos. Para conceder estas subvencións, a Xunta terá en conta o porcentaxe de poboación desa idade nos concellos solicitantes da axuda. Tamén puntuará para a obtención da subvención a existencia dun programa de promoción para uso deste equipamento.


Esperamos que el gobierno municipal tome buena nota de esta oportunidad...