Feijóo destaca que o Plan de Vivenda 2009-2012 asinado hoxe “abre as portas dun fogar” a 50.000 familias galegas

O presidente remarca que adquirir unha vivenda en Galicia suporá unha axuda total de entre 7.000 e 10.000 euros.

Apunta que se destinarán 600 millóns de euros dos que o Goberno galego aportará máis de 130 millóns.
Subliña que este acordo representa un exercicio de “autogoberno responsable” dentro do actual contexto de crise, e amosa a vontade de acordo da Xunta co Goberno central en todo o que beneficie aos cidadáns .

O Plan suporá a promoción de 13.780 vivendas protexidas e de nova construción, das que 9.260 inmobles se destinarán á venda e 3.980 pisos para o aluguer, para o que se concederán 3.200 axudas.

Outorga axudas para a adquisición de 1.070 pisos baleiros e porá en marcha 29.000 actuacións de rehabilitación.

Lembrou que no consello da Xunta de mañá, levarase o proxecto de lei para acometer unha importante rebaixa fiscal do imposto de transmisións patrimoniais e de actos xurídicos documentados para facilitar o acceso á vivenda a mozos menores de 36 anos e familias numerosas.