O presidente da Xunta destaca que o novo decreto do galego estará pensado para “a maioría da poboación”

“Nós non temos ningún medo a escoitar o que teñen que dicir os pais. Serán os que non queren que opinen os que o terán que explicar”, afirmou.

“Queremos un decreto no que estea a maioría da poboación, e non o 10% como no anterior”.
Así se referiu hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, á consulta sobre a implantación do galego no ensino non universitario que estes días responden os pais e nais da Comunidade. “Para saber que opina a poboación galega só hai unha forma: preguntarlles. Nós non temos ningún medo a escoitar o que teñen que dicir os pais. Serán os que non queren que opinen os que o terán que explicar”, engadiu.
O novo decreto do galego buscará cumprir tres obxectivos: saldar unha débeda cos galegos que votaron o programa do Partido Popular, “un programa que incluía unha enquisa”; rematar cos problemas de legalidade do anterior decreto, cun informe contrario do Consello Consultivo; e garantir o coñecemento dos dous idiomas oficiais de Galicia no marca da liberdade. “Promovemos un bilingüismo cordial. Para decidir qué idioma queremos falar temos que coñecer os dous. Queremos un decreto que traslade o bilingüismo amable da rúa ás escolas”.
“Un Goberno que intenta escoitar a todos é un Goberno que cumpre coa súa obriga”.
O presidente da Xunta destacou, ademais, que o boicoteo dunha consulta democrática “pouco ten que ver cos criterios educativos” de defender a democracia e o respecto á liberdade e á opinión dos demais. “Todos están lexitimados para dar a súa opinión e o Goberno está escoitando a todos. O que estamos intentando é que opinen tamén os pais”, afirmou. “Espero que non lle teñamos medo á opinión. O Goberno non ten ningún medo á opinión dos pais, sexa a que sexa, e considera que a consulta directa ás familias sen intermediarios é un exercicio loable de calquera Goberno, que debe ser protexido en nome dos valores democráticos do pobo galego”, concluíu.
Fonte: Xunta de Galicia