Mañá sairá publicada a resolución da Xunta de Galicia pola que se promove a contratación de 4.000 desempregados sen prestación.


O Diario Oficial de Galicia recollerá mañá a resolución cos criterios que rexerán a incorporación ao mercado laboral de parados que xa esgotaron as súas prestacións e subsidios por desemprego.

Esta iniciativa conta cun investimento de 30 millóns de euros, que se suman os 34,8 do Plan de cooperación con entidades locais.
O Goberno galego publica mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se promove a contratación de desempregados que esgotaron as súas prestacións e subsidios, unha iniciativa que conta cunha inversión de 30 millóns de euros e que se inscribe no seu plan de choque para facer fronte á crise. Deste xeito, a Xunta beneficiará a 4.000 parados galegos que xa non contan con ningún tipo de subsidio.
O fin desta resolución é establecer os criterios necesarios para as contratacións que se realicen a través dos programas de cooperación coas entidades locais e outros órganos e organismos sen ánimo de lucro, así como mediante os programas mixtos de formación e emprego.
Esta resolución marca como colectivo prioritario “as persoas paradas que houbesen consumido a totalidade das prestacións e subsidios por desemprego aos que tiñan dereito”.
Así, segundo o texto publicado no DOG, a contratación dos desempregados realizarase en actividades vinculadas “a novos xacementos de emprego que lles ofrezan maiores oportunidades de readaptación no ámbito laboral”. En concreto, os contratos están dirixidos á prestación de servizos en materia medioambiental, social, cultural, de protección civil e de servizos administrativos de informática e novas tecnoloxías.
A duración dos contratos oscilarán entre os 6 e os 9 meses, de modo que facilitarán unha práctica profesional adecuada para a súa posterior reinserción laboral.
Este plan emprega o mesmo instrumento que o plan de cooperación local –cun orzamento de 34,8 millóns de euros e que permite a contratación, xa en marcha, de 3.900 persoas-, aínda que son partidas orzamentarias diferenciadas con destinatarios tamén distintos.
Trátase, pois, dun “gran esforzo”, que ascende a preto de 65 millóns de euros, por parte da Consellería de Traballo e Benestar para frear o paro e reincorporar no mercado laboral a quen máis o necesita.
A publicación desta resolución, unha semana despois de que fora anunciada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, responde á urxencia fixada polo Goberno para atender á grave situación do desemprego.