Alfonso Rueda será Conselleiro da Presidencia


O secretario xeral do PPdeG e director de campaña nas pasadas Eleccións autonómicas naceu en xullo de 1968 e conta cunha ampla experiencia previa na Administración.

Rueda é o primeiro conselleiro confirmado por Feijóo e renunciará á acta de deputado no Parlamento, onde será substituído por Alejandro Gómez Alonso.

O presidente do PPdeG e presidente electo da Xunta de Galicia ten previsto nomear conselleiro da Presidencia a Alfonso Rueda, actual secretario xeral do PPdeG e director de campaña desta formación nas pasadas Eleccións Autonómicas.
Nacido en xullo de 1968, Rueda Valenzuela é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, secretario de Administración local categoría superior e actualmente con praza no Concello de Cambados.
O novo conselleiro da Presidencia é un bo coñecedor da Administración, na que conta cunha ampla experiencia previa. Foi director xeral de Administración Local da Xunta entre 2000 e 2005. Accedeu á Secretaría Xeral do PPdeG no Congreso de 2006, o mesmo no que Feijóo resultou elixido presidente desta formación. Concorreu ás pasadas Eleccións Autonómicas como número 3 nas listas do PPdeG por Pontevedra.A designación de Alfonso Rueda como conselleiro é a primeira decisión deste tipo feita pública por Feijóo.
Fiel ao compromiso adquirido por Feijóo durante a campaña electoral, na que se comprometeu a que ningún conselleiro compatibilizaría ese cargo coa acta de deputado, Rueda Valenzuela renunciará ao seu escano na Cámara autonómica, onde será relevado por Alejandro Gómez Alonso, responsable de organización do PPdeG e que concorreu ás autonómicas no número 13 do PPdeG por Pontevedra.